“Artesanías dixitais. Creatividade emerxente en Galicia” é un webdoc (documental web multimedia) no que recollemos a nosa investigación sobre algunhas profesións relacionadas coa tecnoloxía. Trátase en moitos casos de novos enfoques laborais, pero noutros de oficios non tan recentes, cun elemento en común: todos desenvólvense en Galicia.
Este percorrido interactivo pola tecnoloxía galega ten varios obxectivos. Por unha banda, divulgar as posibilidades laborais e de desenvolvemento artístico que ofrece o eido dixital. Por outra, aportar unha perspectiva da tecnoloxía igualitaria e interxeracional. Pero tamén apostar polo galego como idioma para a creación e difusión dixital (o webdoc está feito no noso idioma) e axudar a desbotar a idea de que unha carreira tecnolóxica non se pode desenvolver en Galicia.
Todo isto a través do testemuño de doce profesionais da programación, do deseño de videoxogos, da ilustración dixital, a recreación histórica en 3D ou a arte dixital entre outras disciplinas, e partindo desta idea: a tecnoloxía, igual que ocorre cos oficios tradicionais e artesáns, require de coñecemento e destrezas que chegan coa formación, pero moi especialmente con horas de adicación e traballo. E, moitas veces, dun primeiro deseño se cadra enalgo tan analóxico coma o papel.
O proxecto Artesanías Dixitais contou co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, impulsado dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O vídeo interactivo foi realizado polo creador audiovisual Antón Varela e pode verse aquí.
O creador audiovisual Antón Varela. Produción propia, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021
2021
Tanto se tes interese por saber máis sobre calquera detalle deste proxecto,
como se desde a túa entidade queredes coñocer as posibilidades de desenvolver proxectos similares,
consúltanos sen compromiso!