Programación cultural

Unha visita guiada en directo

A tecnoloxía ofrece ferramentas de todo tipo para coñecer, lembrar ou revisitar lugares sen saír da casa: atractivas propostas de realidade virtual, webs interactivas e recreacións virtuais, pero tamén solucións moito máis sinxelas que nos permiten recibir no noso espazo ao público que non pode estar físicamente preto de nós.

Museos, centros de interpretación e calquera entidade que desenvolva visitas guiadas ás súas instalacións e contidos, pode tamén trasladar esta experiencia á Rede. Aínda que podemos optar por contidos gravados previamente e dispoñibles en calquera momento na nosa web ou redes, imos a falar neste caso daquelas opcións ao vivo, que nos permiten interactuar coas persoas que participan nestas visitas virtuais.

 

Recursos e ferramentas

As redes sociais poden ser a canle máis cómoda para facelo, a través de vídeos en directo. O habitual é empregar para isto un dispositivo móbil aínda que, se queremos lanzar contidos preparados anteriormente, pode optarse tamén por facelo dende un ordenador. En calquera caso, o realmente importante á hora de abordar unha retransmisión é ter unha idea clara do que queremos contar e como o imos facer. Algunhas recomendacións a ter en conta serían:

  • Asegurarnos de que temos unha boa conexión que nos permita garantir unha boa calidade de imaxe e son na retransmisión.
  • Facer un guión do que imos contar e no que tamén se contemple o que imos facer (percorridos, movementos de cámara, etc,…)
  • Establecer a duración: cada rede social contempla un tempo máximo de retransmisión en directo pero, ao marxe das posibilidades técnicas, é importante pensar o tempo que debe durar a nosa retransmisión. Inflúe nesta decisión o contido que queremos compartir. Como recomendación xeral, cando falamos dun directo deste tipo, os expertos indican facer conexións como mínimo de entre 10 e 20 minutos. Debemos ter en conta que os primeiros minutos se cadra debemos dalos “de cortesía”, para que o noso público teña tempo de incorporarse á retransmisión.
  • Ensaiar antes: Facer unha gravación previa simulando o directo pode axudarnos a detectar os nosos acertos e tamén os aspectos que podemos mellorar.
  • Aínda que os nosos seguidores recibirán, en moitos casos, un aviso de que estamos en directo, o recomendable é levar a cabo unha campaña de difusión previa para chegar a un público maior. Entre outras cousas porque moitas persoas teñen desactivados estes avisos e tardarán en saber que estamos en directo.
  • Interactuar co público. Os minutos de cortesía que comentabamos antes son ideais para saudar ás primeiras persoas que se incorporan, facer alusión a algún dos seus comentarios ou mesmo preguntarlles algo. Exactamente como fariamos nesa mesma situación en caso de ser presencial. É importante tamén, durante o directo, estar atentas a comentarios ou preguntas que poidamos contestar para que a experiencia sexa, para o noso público, o máis enriquecedora e amena posible.

En canto ás redes a empregar, podemos optar por:

  • Instagram: permítenos saber cantas persoas están asistindo ao noso directo, interactuar con elas (xa que podemos ver comentarios e reaccións) e ademais podemos conservar o vídeo durante 24h no noso perfil, coa posibilidade, trala finalización do directo, de descargar o vídeo.
  • Facebook: igual que Instagram, permítenos manter unha interactuación en tempo real coa nosa audiencia e conservar o vídeo resultante, que no momento da emisión aparecerá no lugar máis visible das nosas publicacións. Despois pasará a formar parte do noso perfil.
  • Twitter: Non é a rede máis popular á hora de ofrecer contidos socio-culturais en directo, aínda que é habitual no ámbito informativo. Permite ver quen se une á emisión, así como os seus comentarios e reaccións. Tamén conservar o vídeo que, trala súa emisión, pasa a ser unha publicación máis integrada nos nosos chíos.
  • Tik Tok: É a rede en auxe e na que podemos atopar a un público maioritariamente xuvenil, pero para poder facer vídeos en directo temos que ter un número mínimo de seguidores. Son mil na última actualización.

Máis alá das redes sociais temos outras ferramentas para compartir en directo os nosos contidos:

  •  YouTube Live: este servizo ofrece unha ampla sección de recomendacións para emitir en directo aquí.
  • Zoom: esta plataforma permite a emisión en directo, coa posibilidade de compartir pantalla e amosar nela fotos e vídeos do noso espazo. Permite gravar a sesión, na que poden participar ata 100 persoas na modalidade gratuíta, aínda que cun límite de 40 minutos de duración cada conexión.

 

Algúns exemplos

Son moitos os exemplos e, se quixeras aportar algún, estariamos encantadas de recibir a túa proposta ?

Nós inspirámosnos nestes dous:

  • O Museo do Prado e os seus directos de Instagram, todos os días de 9:50 a 10:00. Esta iniciativa conseguiu sumar gran cantidade de usuarias en pouco tempo, convertíndose nun exemplo de boa práctica e éxito de comunicación cultural no eido dixital.  Aquí tes a conta de Instagram do Museo. Dentro dela, accedendoa súa canle de IGTV poder ver todos os directos feitos ata o de agora.
  • A Rede Museística Provincial de Lugo e as súas Musavisitas guiadas pola Rede (das que te podes informar aquí). Unha cita, neste caso a través de Zoom, para coñecer os contidos dos museos da Rede da man das súas profesionais. Este é un caso de adaptación dunha actividade presencial a un contexto telemático (a causa da corentena) e que se integra en Museal: unha programación máis ampla orientada a un museo participativo e virtual.
  • A Torre de Hércules e a súas visitas guiadas virtuis. Aquí podes ver unha delas. Neste caso non se tratou de percorridos literais, polas condicións da corentena, pero si de relatos en directo aproveitando recursos audiovisuais previos, como gravacións en 360º. Nos primeiros días de confinamento realizáronse tres destas visitas, unha delas expresamente deseñada para a cativada. Nesta, concretamente, rexistráronse máis de 500 persoas conectadas e unha interactuación que superou os 1000 comentarios.

Comparte a túa achega! (Atención: O teu comentario publicarase despois da súa revisión manual / O correo electrónico pídese para evitar SPAM pero nin o utilizaremos, nin será visible para outros visitantes)

*