Festas e eventos

Unha festa popular

Festas de San Pedro (imaxe recollida da súa conta de FB)

Na primavera e no comezo do verán en moitas parroquias, aldeas e barrios xurdiu a mesma cuestión: que facer coas festas? Moitas comisións organizadoras optaron por suspender as actividades previstas, ben sexa porque coincidiron coa corentena ou porque as restricións eran aínda moi grandes.

Pero outras, ás que lles coincidiu a celebración con algunha fase do desconfinamento, decidiron experimentar, combinando o presencial co virtual dun xeito divertido e próximo.

Recursos e ferramentas

  • As redes sociais son as principais aliadas nunha iniciativa deste perfil: boa parte da nosa comunidade accede a elas, proporcionan inmediatez e, sen máis axuda que un teléfono móbil, podemos publicar fotos e pequenos vídeos e tamén desenvolver directos:
    • Facebook: É unha boa opción. Podemos crear publicacións e tamén eventos cos que convidar á nosa comunidade. E permite directos de xeito sinxelo, que, unha vez finalizados, quedarán no perfil como vídeos que a xente pode ver en diferido. Durante o directo poderemos ver cantas persoas están conectadas e interactuar con elas.
    • Instagram: É unha boa opción tamén, dado o seu amplo número de usuarias e que nos permite chegar á comunidade máis xove . É una rede visual na que os directos son sinxelos de xestionar, aínda que debemos ter en conta que non xera repositorio de vídeos, como si fai Facebook. Durante o directo poderemos ver cantas persoas están conectadas e interactuar con elas.
  • Non debemos esquecer que parte da nosa comunidade festeira se cadra non está nas redes. Unha opción interesante é convidala (vía presencial, con todas as precaucións que requira a situación, ou telefonicamente) a empregar para a ocasión unha rede de mensaxería:
    • Grupos de Whatsapp: Hai numerosas guías e recomendacións para crealos e xestionalos adecuadamente, como esta ou a propia axuda da aplicación. A nivel de privacidade é delicado, xa que os números de teléfono das persoas participantes son visibles. De aí a importancia de falalo antes con elas.
    • Grupos de Telegram: Menos xeneralizado pero con vantaxes sobre Whatsapp, como a privacidade opcional dos números de teléfono das participantes. Ou tamén que cando accede alguén novo pode ver as mensaxes anteriores ao seu ingreso. Neste sentido, se é de moita xente, é recomendable deixar unha mensaxe ancorada de benvida, coa información esencial, para que cada entrada no grupo non xere ruído. Hai numerosas guías e recomendacións para crealos e xestionalos adecuadamente, como esta ou o propio FAQ da aplicación.

Nestas canles non poderemos ofrecerlles directos, pero si outro tipo de contidos e incluso promover a participación en iniciativas que teñan estos espazos como escenario.

Algúns exemplos

  • Unha iniciativa que nos resultou inspiradora foi a das festas de San Pedro (Compostela):
    • Crearon unha programación sorpresa que se anunciaba día a día nas redes
    • Combinaron actividades presenciais, nas rúas e nas fiestrasdo barrio, coa súa emisión en directo a través de Facebook e Instagram, canle que crearon para a ocasión.
    • Cos hashtags #amordebarrio, #afestalevámolapordentro ou #somosveciñanza
    • E o apoio puntual para algunhas propostas en directo de YouTube.
  • Tamén nos resultou inspiradora, en canto ás posibilidades da mensaxería para unha celebración comunitaria, a experiencia desenvolvida nas festas de Riocabado (Ávila) a través de grupos de WhatsApp.

Foto do Facebook das Festas do Barrio de San Pedro

Comparte a túa achega! (Atención: O teu comentario publicarase despois da súa revisión manual / O correo electrónico pídese para evitar SPAM pero nin o utilizaremos, nin será visible para outros visitantes)

*