Creación colectiva

Unha comunidade para crear xuntas, aprender e pasalo ben nas redes

Hai moitos xeitos de potenciar na Rede a creación colectiva e a conexión de persoas que compartan un mesmo interese creativo. Neste caso, queremos achegarnos a unha práctica moi sinxela, que tan só require unha boa dinamización e na que se empregan pequenas pezas audiovisuais gravadas cos móbiles, compartíndoas a través de redes sociais.

A idea é dar a oportunidade de crear e compartir pezas creativas, pequenos exercicios e ata mini-aulas. Evidentemente, isto pode ser máis interesante arredor de colectivos de artistas e creadoras, sexan profesionais ou amadoras, tanto con vínculos previos como non.

 

Recursos e ferramentas

  • O mellor xeito de artellar unha creación colectiva en redes é a través dunha #etiqueta (hashtag), que debe ser identificativa e sobre todo orixinal. Na Rede poderedes atopar moitas guías para saber como funcionan e como escoller unha adecuada. Un exemplo sería este titorial.
  • Quen a lance pode dar unhas pautas iniciais para que os contidos compartan uns mínimos criterios e formato común (como este exemplo).
  • Despois, a publicación de contidos pode ser, ou ben de xeito coordinado nunha única conta -que recibe de xeito privado os contidos, pode editalos e redistribuílos-, ou ben que cada persoa poida publicar directamente o contido na súa conta, simplemente empregando a etiqueta común.
  • As redes sociais máis adecuadas para unha iniciativa así serían:
    • Instagram, na que ademais podemos reunir os contidos nunha carpeta de Instagram Stories, tanto dos que subamos directamente como de aqueles que nos mencionen. Para contidos de longa duración, Instagram ofrece IGTV, da que tes información aquí.
    • Ao pertencer á mesma compañía, as publicacións xa se poden engadir directamente en Facebook. Aínda que tamén podemos lanzar contidos directamente nesta rede social cunha páxina.
    • Twitter, xunto a Instagram, é a outra rede de uso masivo onde as etiquetas e os micro-contidos funcionan moi ben.
    • E tamén, por suposto, temos a opción de explorar o uso doutras redes como TikTok, que funciona moi ben para contidos audiovisuais creativos e no que chegaremos a un público máis novo.

 

Algúns exemplos

  • A iniciativa que nos pareceu inspiradora foi #Clownavirus, a comunidade arredor do circo que lanzou Pallasos en Rebeldía a través do seu Instagram. Nel podedes ver a carpeta con todas as Instagram Stories recompiladas. Ademais, tamén empregaron Facebook e Twitter.
  • Tamén é interesante #coronavirusplays, promovida polo dramaturgo Jordi Casanovas. Neste caso animaba á creación de pequenos monólogos ou escenas de tres minutos sobre o que sentimos ou vivimos durante a corentena.

Comparte a túa achega! (Atención: O teu comentario publicarase despois da súa revisión manual / O correo electrónico pídese para evitar SPAM pero nin o utilizaremos, nin será visible para outros visitantes)

*