Novas

Tecemos rede no territorio

28 Decembro, 2020 Sen comentarios

Tecemos rede no territorio

O noso obxectivo de vincular tecido asociativo local e profesionais da contorna dixital precisa de cómplices sobre o terreo. Por iso botamos man das técnicas de Cultura e membros do tecido asociativo de Cedeira, Valdoviño, Neda, Narón, Vimianzo, Muros e Carral tecendo unha rede de colaboración.

Con algunhas delas temos colaborado en anteriores ocasións, con outras temos coincidido en propostas formativas e profesionais, pero de todas sabemos que son boas e bos coñecedores dos seus respectivos concellos, do seu asociacionismo e das persoas que o impulsan, cando non son el*s mesm*s parte activa de iniciativas veciñais e comunitarias.

As primeiras conversas

Se ben tiñamos unha idea previa dos obradoiros que queriamos desenvolver e dos lugares nos que traballar, o certo é que era necesario coñecer polo miúdo cada territorio. Para iso, as primeiras conversas foron fundamentais: déronnos información sobre o tecido asociativo, a veciñanza, os proxectos comunitarios activos, as iniciativas interrumpidas pola pandemia…

Ese primeiro mapa de situación foi o que nos axudou a decidir a distribución dos Laboratorios: finalmente Vimianzo acollerá o obradoiro de creación audiovisual, Neda e Narón o de narrativas dixitais e os concellos de Cedeira e Valdoviño de maneira conxunta, así como os de Carral e Muros, a proposta “Construímos un relato”, adaptada a cada territorio.

Ademais, atendendo á variedade de perfís, intereses e necesidades que intuímos, decidimos abrir a todos os concellos participantes unha proposta común: o taller “Acción de guerrilla: crea a túa campaña contrapublicitaria!”.

Obradoiros virtuais

O reto para nós neste proxecto é ser capaces de xerar un interese na veciñanza maior que as dificultades que xa sabemos que haberá, como o difícil acceso en moitos lugares a unha conexión adecuada e a capacidade de non poucas persoas para afrontar en solitario unha dinámica integramente en liña.

A incerteza con respecto á evolución da covid, sumado ás condicións cambiantes de uso de espazos socio-culturais, fixéronnos renunciar á nosa idea inicial de combinar unha parte importante dos obradoiros en liña con sesións presenciais. E iso, para moita xente, é un condicionante importante.

Aínda así, confiamos en ser capaces de trasladarlle á xente a nosa idea de espazo dixital dinámica de traballo acolledoras no que aprender facendo e aprender compartindo xuntas.

Entradas relacionadas