O comezo do proxecto
En BenCuriosa levamos tempo traballando nas posibilidades da cultura dixital e da mediación cultural a través da Rede dende varias perspectivas. Unha delas, a da creatividade dixital, a través de proxectos divulgativos ou formativos que, grazas ao apoio da Deputación da Coruña, e o seu programa de proxectos singulares de especial interese cultural, se materializan agora nun novo proxecto: os Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital.
Estes laboratorios están pensados como un espazo de experimentación e co-creación, pero non están asociados, como adoita ser habitual, a un espazo concreto, senón que se desenvolven na Rede.
O seu obxectivo é levar a cultura dixital fóra do ámbito habitual deste tipo de propostas da man de creadores e creadoras que compartirán os seus coñecementos con persoas vinculadas ao tecido asociativo de varios concellos da provincia da Coruña:
Como o faremos?
A produtora de contidos Merenda Creativa desenvolverá un obradoiro de creación audiovisual. O colectivo profesional Gingko levará a cabo un taller de narrativas dixitais. A produtora creativa Illa Bufarda ofrecerá un obradoiro de guerrilla contrapublicitaria. María Masaguer, especialista en procesos participativos e patrimonio (Camiños seguros do Morrazo, arquivo do barrio de Vite, BIComún,…), e o creador audiovisual Antón Varela (Artesanías Dixitais, Os vinte dos vinte, Orfanato Atroz), completan a lista de axentes creativos, vinculados neste caso ao obradoiro “Construímos un Relato”, que facilitaremos dende BenCuriosa.
Onde se desenvolverán os obradoiros?
Estas propostas estarán ao dispor das asociacións, colectivos e proxectos socio-culturais, comunitarios, divulgativos,… dos concellos de Cedeira e Valdoviño, Neda e Narón, Vimianzo, Muros e Carral.
Durante varias semanas as participantes terán ocasión de traballar de maneira colaborativa, desenvolvendo contidos dixitais en galego, co apoio e titorización desta equipa de axentes creativos. Como nos laboratorios de co-creación e comunitarios, nestes Laboratorios Itinerantes o importante é o proceso: a toma de contacto, a sinerxía e a creatividade en común.
Pero estamos xa desexando ver que forma colle toda esa experiencia!