Encontros, sinerxías e primeiras propostas en torno á construción dun relato
Os grupos que participan no obradoiro Construímos un relato xa teñen proxectos sobre os que traballar. Despois de días adicados a contactar entre eles e elas, coñecerse e poñer en común, quedounos claro que o obradoiro, tanto en Carral, como en Muros ou Cedeira e Valdoviño, está a ser unha oportunidade para moitas persoas: de aprender e de atreverse coa tecnoloxía, pero, sobre todo, de atopar xente con inquedanzas similares e as mesmas ganas de facer cousas.
E deses puntos en común xurdiron sinerxías que deron de si propostas que abordan cuestións como igualdade, interxeracionalidade, memoria colectiva, sostibilidade, creatividade, patrimonio e cultura, sempre en relación ao propio territorio.
A veciñanza que escribe a súa historia
Boa parte destes proxectos nacen da vivencia persoal ou do coñecemento propio das participantes, de tal modo que atopamos a unha veciñanza que emprega as ferramentas dixitais para contarse a si mesma.
Seguindo esta filosofía, en Cedeira e Valdoviño temos catro grupos de traballo nos que se mesturan persoas dos dous concellos e que tecerán un relato sobre os seguintes proxectos:
- A asociación Lugares Comúns, na que conflúen habitantes de ambos concellos: uns procedentes de países do norte de Europa e outros orixinarios dos municipios.
- O traxecto a San Andrés de Teixido, coas súas lendas, historia, anécdotas e patrimonio.
- Os contos mariñeiros, na voz dos maiores do mar, recollida, entre outros, pola rapazada do colexio.
- Os camiños das costureiras, casa por casa, e todos os saberes relacionados con horta, cociña, bordado,…
En Muros, os dous equipos teñen tamén definidas as súas propostas:
- A memoria das mulleres do mar, a través dos seus oficios e tratando de aportar o testemuño das súas protagonistas.
- O tecido musical -amplo e diverso- da vila, que vén de hai moitos anos e que busca un espazo no que darse a coñecer, difundirse e reivindicarse de maneira conxunta.
Tamén están claros os focos de traballo en Carral, onde atopamos tres propostas:
- A posta en valor e difusión da coral polifónica Aires de Carral, que acaba de cumprir corenta anos.
- A posta en valor e difusión do concurso de fotografía Manuel Ferrol, que homenaxea a este fotógrafo histórico, coñecido polo seu traballo sobre a emigración galega, e vinculado á vila.
- O glifosato e o seu impacto na contorna natural e na saúde.
Como segue agora o relato?
Nos vindeiros días as participantes no obradoiro deberán aterrar a maneira na que darán a coñecer estes proxectos. Para iso, verán a través de varias unidades temáticas na nosa aula virtual diferentes maneiras de narrar empregando as canles e recursos dixitais. Todo isto en paralelo ao traballo en grupo e á titorización e apoio por parte do equipo do obradoiro.
Quedan por diantes días de traballo, pero estamos seguras de que o esforzo pagará a pena!