Así pechamos os laboratorios
Despois de varias semanas intensas, de aprender e experimentar xuntas, os Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital pecharon as súas portas virtuais. Foi un tempo intenso, no que moitas persoas descubriron novas maneiras de comunicar e de compartir na Rede e no que outras se achegaron por primeira vez á contorna dixital dende unha perspectiva creativa. Sen esquecer a aquelas que tiveron nos nosos obradoiros a súa primeira experiencia dixital! Persoas que nunca se conectaran a unha vídeo-conferencia ou enviaran un correo electrónico e que marchan desta experiencia con autonomía e con ganas de seguir aprendendo.
E sobre que traballaron estas semanas as participantes?
O laboratorio que primeiro abriu as súas portas, e que primeiro as pechou, foi o de Creación Audiovisual en Vimianzo, da man de Merenda Creativa. Un obradoiro no que se deu cita boa parte do tecido asociativo local e que se pechou con varios proxectos audiovisuais en marcha e nos que traballaron, por grupos, persoas de diferentes entidades que aproveitaron as posibilidades deste formato para falar de feminismo, ecoloxía, crítica social, patrimonio,… Temas que tamén afloraron no laboratorio de Narrativas Dixitais que desenvolveu Gingko en Narón e Neda, no que participaron varias asociacións locais e persoas vinculadas ao ámbito do ensino. Nesta experiencia tamén se falou de mobilidade.
Construímos un Relato, a proposta desenvolta por Bencuriosa, pechouse en Cedeira e Valdoviño con grupos nos que se mesturou a persoas de ambos concellos e que traballaron en proxectos de recuperación da memoria colectiva: a través das vivencias das mulleres costureiras, dos homes e mulleres do mar, patrimonio natural e inmaterial (a través do camiño e as lendas de santo André de Teixido) e de interculturalidade. En Carral, o laboratorio permitiu abordar proxectos relacionados tamén coa ecoloxía, o patrimonio musical local e fotográfico. E, por último, en Muros, permitiu afondar nos oficios máis descoñecidos das mulleres do mar, como as cargadoras, a posta e valor do patrimonio musical local.
O Laboratorio de Acción de Guerrilla facilitado por Illa Bufarda estaba aberto a todos os concellos participantes e nel as inscritas puideron experimentar diferentes maneiras de empregar os recursos do discurso oficial para desenvolver o seu propio relato. Falouse moito de medio ambiente e sostibilidade, ademais da desconexión do rural e de pobreza enerxética, na meirande parte dos casos en relación ao poder das grandes corporacións e engano social.
Para as participantes, pero tamén para o equipo de axentes creativos implicados, foi unha experiencia sumamente enriquecedora que nos deixou unha sensación moi agradable: a de ter camiñado e aprendido xuntas, creando proxectos que agardamos ver axiña materializados. Porque se algo nos quedou claro é a cantidade de cousas que a veciñanza conta en relación ao seu territorio cando ten ferramentas e facilidades para abordar ese proceso creativo. Historias emocionantes, interesantes, enriquecedoras… que buscan o seu oco no espazo dixital.