A experiencia de re-escribir o relato
A proposta de Illa Bufarda nos Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital non deixaba lugar a dúbidas: chamaba a unha “acción de guerrilla” creando unha contracampaña publicitaria. Unha dinámica que consiste en entender como se nos fala dende ámbitos como a publicidade ou os medios de comunicación global e que elementos compoñen o discurso dominante para levalos ao noso terreo e xogar con eles. Neste caso, coa compoñente de deseñar unha acción dixital.
Máis de vinte persoas, superando a capacidade incialmente prevista, se inscribiron nesta proposta, aberta aos sete concellos participantes, nas que de maneira individual ou grupal -a escolla das participantes- se avanza no coñecemento da contrapublicidade mediante unidades temáticas e o desenvolvemento de exercicios.
E sobre que queren falar as participantes neste laboratorio? Pois de cuestións universais co foco posto no propio territorio. E iso está a levarnos a cuestións como medioambiente e sostibilidade, as condicións do rural, a pobreza enerxética e os abusos das grandes corporacións. Temas dos que xa escoitamos falar noutros labs, pero que neste se abordarán dende a re-escritura do relato oficial empregando o espazo dixital.