Narrativas populares contemporáneas con Zemos98 no LAIC

Como construír un relato coas ferramentas que nos dá a tecnoloxía dixital e como relacionalo (entendendo o hackeo e a remestura) co noso alicerce analóxico. En liñas moi xerais, iso foi o eixo central do que aprendimos no Obradoiro de Narrativas Populares Contemporáneas que Zemos98 desenvolveu dentro das actividades de outono do LAIC, comisariadas por María Yáñez, dentro do programa Coruña Dixital, que dirixe o noso compañeiro Sergio Lago.

Lucas Tello e Pedro Jiménez faláronnos de memética e viralidade, ademais da tipoloxía dos gifs ou da necesidade dun contexto común para que os memes fagan o efecto desexado. E con toda esa carga teórica, comezou a práctica: tratouse de ser community manager, pero con personalidades alleas, como Amancio Ortega ou María Pita. Primeiro fixéronse memes analóxicos, con recortes de revistas e xornais, e logo escribíronse chíos de Twitter usando gifs e hashtags que completasen o relato dixital das personalidades ficticias para, finalmente, elaborar historias de Instagram.

Xuntanza en Compostela

Ademais de ensinarlle aos participantes do LAIC a mecánica das novas narrativas populares e as súas ferramentas, Zemos 98 aproveitou a súa estancia en Galicia para participar o día antes nunha xuntanza en Matadoiro Compostela (antiga Casa da Xuventude de Santiago), onde coñeceron de primeira man o proxecto de autoxestión cidadá que alí se desenvolve e compartiron experiencias sobre xestión cultural con algunhas das persoas vencelladas a esta iniciativa, reponsables doutras propostas culturais locais e ex-alumnos de CEU en Xestión Cultural da USC.

Subir