Foto: Xoan A. Soler - La Voz de Galicia

Ferramentas dixitais para a memoria e a identidade colectiva

A recuperación da memoria e a posta en valor da identidade colectiva dunha comunidade, son dúas das liñas de traballo que nos resultan máis interesantes e gratificantes. Máis aínda se se exploran as ferramentas e posibilidades dixitais para este fin. Por iso foi un pracer ter recibido o convite do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC para colaborar nunha iniciativa nesta liña, a cal están a desenvolver xunto a axentes clave do modélico tecido veciñal do barrio de Vite.

Logo de varios meses de entrevistas, encontros e recompilación de documentación sobre a súa historia, o proxecto do “arquivo da memoria” deste barrio compostelán entrou nunha fase na que hai que abordar como poñer en valor e difundir todo o material. Ese foi o obxectivo das xornadas “Como facer xuntas un arquivo para Vite?”, nas que, entre outros profesionais, participou o noso compañeiro Sergio Lago, que abordou a viabilidade legal e económica dun arquivo dixital colaborativo.

Nas xornadas falouse tamén do arquivo como exercicio de documentación, con Concepción García (Arquivo Dixital de Galicia), de arquivos dixitais e narrativas multimedia, coa xornalista especializada e directora de Vinte, María Yáñez, e de etnografía e recollida de memoria, da man da cooperativa Maos. Tamén houbo ocasión de coñecer de primeira man a experiencia do  proxecto de dinamización do barrio compostelán de San Pedro baseado na creación dun mapa emocional.

Ademais das palestras, nas xornadas desenvolvéronse mesas de traballo centradas en enfoques como o etnográfico, as narrativas dixitais, a dinamización de barrio, o arquivismo e a xestión.

O obxectivo que se marcan os promotores do proxecto é que o arquivo estea operativo no prazo dun ano e de que sexa, entre outras cousas, un motor para a participación da veciñanza e a dinamización sociocultural do barrio.

Se queredes saber máis deste proxecto, aquí tedes a reseña publicada na edición local de La Voz de Galicia.

Foto: Xoan A. Soler – La Voz de Galicia

Queres compartir este contido?
Subir