Exploramos as posibilidades da creatividade dixital na Universidade da Coruña

Unha das consecuencias da pandemia é a de trasladar ao espazo dixital actividades que, ata o de agora, eran presenciais. Vímolo estes meses no traballo, na formación académica e tamén na formación non regrada. Ás veces porque as medidas sanitarias de prevención non permitiron o seu desenvolvemento nun espazo físico e outras veces como medida de precaución.

Nese espazo virtual vimos de pór en marcha dous obradoiros para a área de Cultura da Universidade da Coruña en relación a unha das nosas liñas de traballo, como é a da creatividade dixital. Facémolo ademais tecendo rede, en colaboración con Merenda Creativa e Gingko, dúas entidades especializadas na produción de contidos e no audiovisual como ferramenta para a educación e o cambio social.

Con elas coordinamos unha formación orientada á creación audiovisual en YouTube e outra baseada nas narrativas dixitais como ferramenta para o contradiscurso. Dúas propostas integramente en liña nas que atopamos a un grupo de persoas heteroxéneo, pero cunha cousa en común: o  interese polas posibilidades das ferramentas dixitais para desenvolver e compartir o seus proxectos.

Moitas das persoas que participaron nos cursos fixérono con propostas moi orixinais en mente. Agardamos velos pronto, xa totalmente desenvoltos, na Rede!

Comment (1):

  • Os Laboratorios abren as súas portas! | Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital

    […] Este primeiro obradoiro, que ten unha alta participación, reúne a varias entidades locais e tamén a traballadoras do Concello, dende onde recibimos un gran apoio na difusión do proxecto. Este taller, de creación audiovisual, está dirixido por Merenda Creativa, con quen dende BenCuriosa xa temos colaborado noutros proxectos formativos. […]

Subir