O CEU en Xestión Cultural da USC comeza unha nova etapa bienal

Despois de cinco edicións, o Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, que impulsaron e coordinan os nosos compañeiros Marcos Lorenzo e Sergio Lago, xunto aos responsables académicos da USC Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez, fai unha pausa nas súas convocatorias. Isto, na práctica, significa que o ano que vén o Curso non se celebrará. Logo de cinco intensos anos, con máis de 150 alumn*s formados en xestión cultural e con preto de 100 docentes, expertos e colaboracións chegadas de  moi diferentes entidades públicas e privadas do ámbito ibérico, chegou o momento de parar para coller impulso, tal e como explicamos na web do proxecto, á que podedes acceder desde aquí. Neste tempo, o Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da USC apostou por unha formación orientada á práctica profesional baseada en dous principios: #aprenderfacendo e #aprendercompartindo. E xerou un espazo inédito de conexión profesional en Galicia, cunha evidente perspectiva galega -sen esquecer as principais referencias estatais– e  cunha ligazón moi estreita coas nosas veciñas e veciños de Portugal. Ademais, o Curso xerou expazos de coñecemento aberto, como o blog colaborativo, no que se recolle o contido de todas as sesións celebradas, a recompilación bibliográfica sobre xestión cultural “A Xestión Cultural en Galicia”: un proxecto divulgativo que, logo dunha primeira publicación dixital no xornal Praza Pública, está a piques de estrearse en formato libro, da man da editorial Andavira.   Fin das aulas da quinta edición e inicio das prácticas en empresas culturais A actual edición 2018-19 do Curso pechou as súas aulas o pasado 15 de maio, cunha sesión final na que o alumnado expuxo o plan de comunicación e a estratexia de financiamento dos seus proxectos culturais, culminando así o proceso de aprendizaxe teórico-práctico no que se basea o Curso. Nos últimos meses, as alumnas e alumnos desta edición tiveron a ocasión de completar os contidos facilitados polo equipo docente con visitas a empresas e entidades de referencia no sector cultural galego: o Consello da Cultura Galega, o Auditorio de Galicia, a fundación Didac , a cooperativa UrdimeCulturgal ou o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais de participar en conversas abertas de distinta temática con profesionais do sector, como retos na xestión cultural ou as singularidades da creación artística. Agora, para parte do alumnado, o proceso de aprendizaxe segue noutro ámbito, xa que ata o vindeiro 30 de setembro o CEUXC segue activo coas prácticas que alumnas e alumnos realizan en empresas e institucións culturais. Así, neste momento, hai xa persoas poñendo en práctica os seus coñecementos en 7HCoop, Regala Música, O Cable Inglés, a fundación Didac ou o teatro Rosalía de Castro, entre outras entidades que acollerán a máis alumnado nas vindeiras semanas para #aprendercompartindo e #aprenderfacendo.
Subir