Creación colectiva

Unha creación literaria participativa

Photo by John Schnobrich on Unsplash

A Rede permítenos estes días ler unha gran variedade de contidos: revistas, libros, catálogos,… obras que sempre estiveron ao noso alcance e obras que, de maneira excepcional, se amosan durante o periodo de corentena abertas a todo o público.

Ler é un pracer sempre, e máis nestas circunstancias, pero, e se puideramos probar a ser tamén escritoras? E a facelo en equipo! A través das redes sociais, é posible.

 

Recursos e ferramentas

  • Instagram: cada publicación nesta rede social admite un número ilimitado de comentarios. O comezo do relato pode ser a propia publicación (para o que é preciso dispor dun perfil en Instagram) e cada participante pode engadir un novo parágrafo da historia nun comentario. A persoa ou entidade que inicia o relato debe ser tamén quen estableza as normas do mesmo (é posible filtrar de maneira automática comentarios ofensivos, así como eliminalos de maneira manual se fora preciso) e quen poña o punto e final.
  • Facebook: igual que en Instagram, nesta rede é posible empregar unha publicación como punto de partida (é preciso ter unha conta persoal ou unha páxina) e que as participantes desenvolvan o relato a través dos comentarios. É recomendable explicar a dinámica que se quere desenvolver e as súas normas. A maiores, Facebook dispón dunha serie de medidas para regular contidos publicados por terceiros.
  • Twitter: esta rede social permite a construción de fíos cos que tecer historias. Só é preciso dar de alta unha conta e comezar a historia chío a chío, empregando imaxes estáticas e gifs que ilustren o texto. As persoas que sigan a historia poden participar na trama se son convidadas a facelo. Pódeselle facilitar unha maior interactuación no devir do relato empregando ferramentas sinxelas desta rede como, por exemplo, as enquisas.

Algúns exemplos

  • Unha iniciativa inspiradora foi a do escritor Francisco Castro, director da editorial Galaxia, que decidiu empregar a súa conta persoal de Instagram para escribir de maneira colaborativa, o 28 de marzo, nun horario concreto, un relato. Podedes acceder desde aquí á historia resultante. Tede e conta que Instagram é unha aplicación pensada fundamentalmente para dispositivos móbiles: dende o ordenador é posible que non vos aparezan, nunha primeira ollada, os comentarios por orde cronolóxica.
  • Outra iniciativa inspiradora é o Relato do Confinamento, en activo dende o pasado 19 de marzo e impulsada pola escritora Andrea Fernández Maneiro, que emprega unha publicación de Facebook para comezar un relato que as participantes continúan nos comentarios da mesma. Posteriormente, Andrea publica, tamén en Facebook, un vídeo no que narra a historia resultante.
  • E a proposta Conto a moitas mans que a  biblioteca pública Ánxel Casal lanzou no Twitter co gallo do Día do Libro e que podedes seguir desde aquí.

Comparte a túa achega! (Atención: O teu comentario publicarase despois da súa revisión manual / O correo electrónico pídese para evitar SPAM pero nin o utilizaremos, nin será visible para outros visitantes)

*