conferencias e debatesXestión Cultural

Xornadas sobre a xestión cultural como espazo profesional

28/09/2017

Nun sector complexo, no que conviven o público e o privado, atomizado e heteroxéneo, cómpre introducir elementos de análise económica e social, pero sen perder de vista a esencia humanista na que se constrúe o cultural: esta é a principal conclusión coa que se pechou, despois de tres días de exposicións e debate, o foro “A xestión cultural como espazo profesional”. No encontro, que se celebrou na facultade de Humanidades do Campus Terra da USC, démonos cita distintas institucións, empresas e profesionais especializados no eido da cultura co obxectivo de aportar suxestións para o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, que a Universidade de Santiago imparte no Campus de Lugo.

Gloria Cruz, responsable de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, e Margarita Vilela, xestora de especialización de Oferta Docente, dinamizaron as tres xornadas que se estruturaron en dous bloques: O primeiro, dedicado a coñecer a opinión de empresas e entidades respecto aos perfís profesionais que fan falta na actualidade no sector cultural e, de modo máis específico, a súa opinión sobre o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e a súa adecuación ao que demanda o mercado laboral. O segundo, centrado na visión que os profesionais da cultura temos do futuro do grao e os posibles cambios que farían falta para adecualo ás necesidades laborais.

A este intercambio de ideas, no que participou o noso compañeiro Marcos Lorenzo en representación do CEU en Xestión Cultural da USC, sumáronse institucións como o Consello da Cultura Galega, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, bibliotecas, museos e centro de documentación de Galicia e a fundación Olga Gallego Domínguez, así como a Deputación da Coruña e o Concello e Lugo, xunto iniciativas como Ouvirmos, Nócomún, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, o museo Castro de Viladonga, a fundación Feiras e Exposicións de Lugo, o festival Pardiñas ou a asociación ecoloxista Adega.

Para saber máis, entra aquí.

Outras publicacións do proxecto