Viaxamos ao Norte de Portugal para tecer unha rede profesional e cultural

Como xa fixemos en anos anteriores, este organizamos unha viaxe profesional para colegas e alumnado do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural; e, ao igual que nas outras ocasións, a nosa ruta cultural levounos desde Galicia ata o veciño Portugal. Se o ano pasado visitamos Tondela, Santa María da Feira e Viseu e antes Guimarães, San João da Madeira e Porto, este 2018 decidimos viaxar a Braga, Porto e Viana do Castelo na procura de experiencias culturais de referencia e dos profesionais que as desenvolven. En total, vinte e catro persoas, entre profesionais e alumnado do CEU en Xestión Cultural, dispostas a coñecer, aprender e tecer rede.

Con ese espírito chegamos a Braga na tarde no venres 1 de xuño, cunha chuvia xenerosa que minguou xusto para deixarnos camiñar comodamente ata a nosa primeira parada desta viaxe: o Theatro Circo, un dos grandes referentes e eixo básico da programación cultural da cidade. Alí agardábannos Daniela Queirós, directora de xestión, e Paulo Brandão, director artístico, aínda que, antes de falarnos de como se xestiona, a nivel económico e de contidos, este espazo, puidemos desfrutar dunha pequena visita guiada que nos achegou á importancia deste teatro, con máis dun século de historia. Pola súa antigüidade (1915) e características, o Theatro Circo de Braga forma parte da Ruta Europea de Teatros Históricos. Na actualidade, e trala restauración acometida a finais dos 90, o Theatro Circo é un gran complexo cultural adaptado, a todos os niveis, ás necesidades da arte contemporánea. Nel traballan trinta e tres persoas.

 

 

Daniela Queirós falounos, despois de contextualizar como se financian os equipamentos culturais portugueses, da organización e financiación deste espazo concreto, xestionado por unha empresa pública, no que a Câmara Municipal intervén apenas para apuntar as orientacións xerais, porque as decisións concretas da programación dependen sempre, e en exclusiva, do director de programación.

Como datos, podemos destacar que no último ano celebráronse no Theatro Circo 380 eventos e actividades. O orzamento do exercicio foi de 2 millóns de euros, dos que preto de 800.000 son para gastos de programación. A recadación en billeteira foi de 400.000 €, así que tiveron unha taxa de retorno do 50%.

A directora de xestión explicounos que a misión do Theatro Circo é a de dinamizar a actividade cultural do municipio de Braga na área das artes performativas, centrándose na elaboración dun programa ecléctico e de calidade e na fidelización de públicos, contando sempre cunha alta porcentaxe de artistas locais. Ademais, o teatro conta cunha compañía residente, a Companhia de Teatro de Braga, que aporta unha boa porcentaxe do contido de artes escénicas.

O Theatro Circo , segundo nos explicou, ten non só a misión de dinamizar a vida cultural de Braga, senón que, ademais, trata de tecer rede coas cidades máis próximas, que son Barcelos, Guimarães e Famalicão, a través do Cartão Quadrilátero: unha tarxeta que, previo pago, ofrece un desconto do 50% en todos os eventos promovidos, neste caso desde o Theatro Circo, cun prezo superior a cinco euros. As estatísticas destes últimos anos amosan un aumento progresivo de socios, especialmente na zona de Braga.

Pola súa banda, Paulo Brandão falounos da súa misión como director artístico e deixounos moi claro que para el o primeiro é o público e que, por iso, calquera decisión que toma, ademais de estar baseada en criterios de calidade artística, ten moito que ver coa honestidade. Por iso, aínda que o teatro dispón das instalacións necesarias, é moi difícil que vexamos no Theatro Circo de Braga unha ópera: as “de verdade”, as que levan orquestra, son inalcanzables desde un punto de vista orzamentario e de axenda. As demais (que desilusión!) ofrecen a base musical enlatada.

 

E, falando de música, esa mesma noite en Braga tiñamos unha cita que case poderiamos dicir que “sorpresa”, porque aínda que sabiamos quen era o artista apenas tiñamos referencias súas, así que, unha vez rematada a visita ao Theatro Circo, decidimos probar a ver que era o que nos ofrecía no seu espectáculo. Para velo, desprazámonos ata outro dos espazos de referencia da cidade: o GNRation. Alí estaba anunciada, e con bastante éxito de público, a performance de  Nicolás Bernier , que no momento da nosa viaxe era ademais o artista residente do espazo cultural.

Que dicirvos da súa proposta artística? Como mínimo que cumpriu, con absoluta certeza, un dos seus principais obxectivos: non deixar a ninguén indiferente. Como único dato, a nivel de recomendación, que podemos achegar é que, ou ben gusta radicalmente, ou ben todo o contrario, así que se de nós depende, non vos queda máis remedio que ir velo, se nalgún momento tedes ocasión, e xulgar.

 

De Braga a Porto

O sábado 2 de xuño foi un día intenso que comezamos no mesmo lugar no que o deixaramos a xornada anterior: o GNRation: un espazo orientado á promoción de actividades artísticas, sobre todo no que respecta ás artes dixitais e á experimentación. O ano pasado, celebráronse nel 154 eventos que sumaron preto de 43.000 asistentes. No GNRation, que é un antigo cuartel rehabilitado, hai todo tipo de espazos culturais e estase a construír, agora mesmo, un completo estudo de radio que se complementa cun café-concerto que, en principio, se preparará para ter a opción de emitir  música en directo. Un luxo difícil de atopar na meirande parte das emisoras!

Ademais, GNRation ten unha parte, pechada ao público, destinada ás startup, con espazos amplos e zonas de descanso, nas que se integra, tamén, a estancia destinada ao artista residente. Unha fórmula, esta última, que se traduce nun notable aforro en hospedaxe e dietas e que permite optimizar o orzamento. GNRation, segundo nos explicou o seu responsable de comunicación, Ilídio Marques, é tamén un espazo xestionado desde unha empresa pública e ten, entre os seus principais cometidos, non só a difusión das artes contemporáneas dixitais, senón a creación de públicos e a conexión entre os artistas e a comunidade.  Neste sentido tamén é moi importante a relación entre GNRation e o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), cuxa sede de investigación está na Universidade do Minho. O GNRation é o enlace entre a investigación e a poboación a través da arte dixital.

 

 

Precisamente, aproveitando esa vontade de conexión que desenvolve o GNRation, celebramos alí a mesa redonda  Tecendo rede: experiencias e tendencias culturais en Braga e o Norte de Portugal, na que puidemos coñecer as experiencias de varios proxectos destacados da man dos seus responsables.

Por un lado, Luis Fernandes, tamén vinculado á xestión do propio GNRation, falounos do festival Semibreve, Manuel Gama da proposta 2CN-Clab e Joana Miranda de Braga Media Arts. En todos os casos o que se nos trasladou foi a necesidade de, efectivamente, tecer esa famosa rede da que non nos cansamos de falar e tratar de tecer, cos máis próximos, pero tamén con socios doutros lugares, como fórmula para desenvolver proxectos dunha maneira efectiva e alcanzar obxectivos. “Rede como marca, non só como concepto”, foi unha das ideas lanzadas no transcurso da mesa redonda, na que tamén houbo tempo para presentarlle aos colegas portugueses o Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural da asociación galega de xestores culturais. Falaron del Alberto García, presidente da AGPXC, e o noso compañeiro Sergio Lago, coordinador no seu día dos traballos de desenvolvemento do proxecto.

 

A Serralves em Festa!

Foi unha mañá realmente intensa a que pasamos descubrindo os moitos recantos realmente agradables do GNRation e, sobre todo, as súas posibilidades. Pero aínda nos quedaba moito día -e moita noite- por diante, así que despois dun almoço tipicamente portugués dirixímonos á capital do Norte.

Porto ten de seu moito que ver e desfrutar, pero este sábado tiña un aliciente extra: Serralves em Festa, un súper  evento de cincuenta horas de actividades simultáneas e sen descanso centradas no espazo da fundación Serralves: isto é, o museo, a casa e o parque. As actividades comezaran xa o venres a media tarde e rematarían o domingo, tamén a esa hora, así que chegamos no ecuador da programación.

Serralves em Festa cumpriu este ano quince edicións, pero case tod*s iamos por primeira vez. Resultounos curioso atopar tanta, tantísima xente tan heteroxénea no mesmo espazo. Aínda que, neste caso, hai que ter en conta que se trata de un espazo amplísimo e dunha oferta dirixida de maneira simultánea a distintos perfís de público. En Serralves em Festa hai fundamentalmente propostas relacionadas coas artes escénicas, o circo e a música. Enmarcadas, iso si, nun dos espazos de referencia da arte contemporánea europea.

 

 

 

De volta a casa

O domingo 3 de xuño tocaba volver. Despois da intensa xornada do sábado, a perspectiva da viaxe de volta facíase difícil, mesmo coa parada prevista en Viana do Castelo. Pero o certo é que a primeira visita ao seu Museu do Traje resultou do más motivador e a segunda, ao barco-museo Gil Eannes, o colofón perfecto á nosa viaxe.

Pero imos por partes: no Museu do Traje coñecemos á vereadora de Cultura da Câmara Municipal, María Jose Guerreiro, quen nos explicou unha parte das políticas culturais que desenvolve, que é a relacionada con este museo que recolle a tradición do traxe (tecidos, bordados, abelorios, ouriveria,…) da zona e desde o que se traballa para a creación dun selo distintivo das artesás do traxe e en garantir un relevo xeracional nunhas condicións laborais aceptables. A verdade é que nos quedamos con ganas de saber máis, e non só do traxe, senón da actividade cultural que se desenvolve en Viana do Castelo.

Pero a nosa axenda de fin de viaxe era apertada: tocaba visitar o Gil Eannes, un antigo barco de asistencia da flota bacallaeira cunha interesantísima historia, que permanece atracado no peirao comercial da vila. Non está especialmente promocionado (para algunhas persoas que xa tiñan estado en Viana do Castelo era un total descoñecido), pero o certo é que entrar nel paga a pena: a sala de comunicacións, os camarotes, os quirófanos, a sala de máquinas…todo ten unha anécdota ou mesmo historia, conservada grazas ao empeño da fundación Gil Eannes que, desde hai anos, traballa na súa restauración e difusión.

Foi a nosa última parada da viaxe. Chegamos a Galicia igual que chegamos a Braga: en medio da chuvia. Moito máis cansados , iso si, que cando subimos ao autobús por primeira vez, pero cunha idea moito máis completa do que se fai moi preto de nós e ganas de darlle unha volta con calma a todo o escoitado e falado para tratar de poñer en práctica as ideas de #aprendercompartindo e #tecendorede que nos acompañaron durante toda a viaxe.

 

 

 

 

 

Subir