Un Kit de Activación Dixital axudará aos profesionais a desenvolver proxectos educativos, participativos ou de divulgación

Probablemente sexan moitas as veces que docentes, traballadores de centros sociais e culturais e mesmo activistas se teñen atopado coas dificultades de divulgar dun xeito eficaz, facéndolle chegar a mensaxe ou os coñecementos aos seus destinatarios principais. Seguro que, en moitas desas ocasións, pensaron que o audiovisual podía ser un bo xeito e elaborar unha mensaxe e a Rede, o entorno dixital, un bo medio de divulgación. A maior parte desas persoas desbotaron a idea no momento de tela, por tres razóns: a falta de coñecementos en ambos eidos, o descoñecemento de iniciativas previas xa realizadas e, obviamente, a falta de datos concretos sobre profesionais especializados.

Pero nin todo é tan difícil nin tan inviable como pode parecer nun primeiro momento, e así nolo amosa o Kit de Activación Dixital que coordinou o noso compañeiro Sergio Lago e que botou a andar o pasado 3 de febreiro. Esta ferramenta, pensada principalmente para profesionais de diferentes disciplinas que traballan con distintos colectivos, enmárcase dentro do programa municipal Coruña Dixital, e ofrece exemplos de proxectos xa feitos e unha guía sinxela de que pasos a dar para desenvolver os novos que poidan xurdir.

A súa presentación  consistiu nunha “visita guiada” polo espazo web e a explicación de iniciativas inspiradoras por parte dos profesionais que as fixeron posibles. Despois, as persoas que asistiron participaron nunha conversa aberta  con eles e cos responsables do proxecto, que xa está aberto e operativo para todas as persoas que desexen ver as posibilidades que teñen as súas ideas de convertirse en proxectos.

Podedes visitar o Kit de Activación Dixital aquí.

Subir