publicaciónsXestión Cultural

Un cento de iniciativas galegas no Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural

01/12/2017

Impulsado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e baixo a coordinación de Sergio Lago, o Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural inicia a súa andaina cunha escolma de cen iniciativas pensada especialmente para profesionais do sector, cargos públicos con responsabilidades culturais ou artistas, entre outros moitos perfís que, nun momento dado, podan precisar dun coñecemento profundo do que se está a facer en Galicia no eido da cultura. Pero, quen, e por que, está dentro deste banco?

A escolla foi o resultado de varios anos de encontros participativos, con máis de catrocentas persoas do sector cultural consultadas, onde xurdiron numerosas achegas e a necesidade de deseñar un espazo en liña onde visibilizalas. Posteriormente, unha mesa técnica da AGPXC fixo esta primeira selección. Non se trata dun código, nin manual académico, nin dun ranking de proxectos. Trátase, en esencia, dunha panorámica de 100 proxectos inspiradores e diversos na xestión cultural galega, algúns consolidados e outros que parecen marcar tendencias de futuro.

Tívose en conta o seu carácter innovador, no sentido de se emprega estratexias novas e creativas; a súa efectividade, en canto ao éxito nos seus resultados ou procedementos; o seu carácter exemplar ou inspirador e a súa transferibilidade. É dicir, se é un modelo “exportable” a outros contextos. Posteriormente, coa incorporación ao equipo de traballo de Adriana Castro Tarela e Nela Fraga Rivas, ex-alumnas do CEU en Xestión Cultural da USC, recolleuse a información de cada proxecto seleccionado. O resultado final deste proceso de colleita e peneirado foi o cento de propostas exemplares e inspiradoras que xa coñecemos.

O Banco foi presentado o pasado 1 de decembro en Culturgal como un escaparate para o sector e para as persoas que, desde diferentes posicións, precisan achegarse a el, pero tamén como punto de coñecemento e encontro para os propios profesionais. Por iso, ao longo do 2018 a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) visitará os proxectos para certificalos en persoa e organizar xornadas de intercambio de coñecementos, que axuden a tecer rede e a fortalecela.

O Banco e o usuario

O acceso a información contida no Banco é un proceso sinxelo: na súa web atopamos a posibilidade de organizar a procura por categorías, carácter, territorio, público principal, contido principal e periodicidade. Cada proxecto está nunha ficha que responde a eses parámetros e que ofrece unha sinopse, unha explicación do seu contexto e experiencia e información de utilidade, como mapa, contacto ou web, así como material complementario audiovisual. En cada proxecto constan tamén as razóns polas que foi seleccionado.

Se queres saber máis, podes consultar aquí o Banco de Boas Prácticas  e ver a reportaxe que fixeron no ZigZag Diario da TVG. A partir do minuto 44.