Sumámonos ao proxecto Cooperación Expandida

05/06/2017

Unha cidade para mudar o mundo: sobre ese lema artéllase  o proxecto Cooperación Expandida, que se desenvolve desde este verán ata o próximo mes de decembro na Coruña co obxectivo de educar e sensibilizar, desde o local cara o global, nos ámbitos da cooperación internacional e a promoción dos Dereitos Humanos. Arredor deles preténdese crear unha experiencia colectiva  de implicación da sociedade civil sobre as posibilidades de cooperar desde o entorno máis próximo.  Faise ademais coa colaboración de varias entidades, entre elas BenCuriosa, que axudou a construír a arquitectura das comunicacións e a deseñar unha recopilación de datos de cara a unha avaliación final da actividade.

Cooperación Expandida naceu no Igadi tras varias investigacións sobre novas dinámicas de pensamento en cooperación internacional entre os anos 2014-16. Agora, materialízase no contexto da nova axenda internacional das Nacións Unidas, os obxectivos de desenvolvemento sostible 2015-30 e a crise das persoas migrantes e refuxiadas.

O proxecto desenvolverá actividades públicas durante seis meses, entre o 21 de xullo e o 21 de decembro, Encontros Expandidos, que terán lugar do 29 de agosto ao 7 de setembro, un Aula Local de Coopearación e eventos sectoriais xa na recta final.

Ademais, as persoas e entidades que o desexen poden asinar o Manifesto  do proxecto.