programacións

Presentación da Programación de Nexos 2017

30/11/2016

Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para descifrar as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do coñecemento, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en xaneiro do 2017 da man do noso compañeiro Marcos Lorenzo, combinando relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido.

Nesta quinta edición cóntase cunha novidade interesante: un artista residente. O pianista Pablo Seoane deseñará o apartado artístico de todas as sesións, e o interpretará acompañado por outro artista convidado. Polo tanto, todos os espectáculos serán estreas absolutas, creadas en exclusiva para Nexos.

Ao longo do semestre visitaremos, na Biblioteca de Galicia, o aforismo como fórmula ancestral de transmisión de saberes; indagaremos no futuro de Europa como proxecto político; repasaremos os principais fitos biográficos e pictóricos de Maruja Mallo; e coñeceremos os alicerces fundacionais da admirable Escola de Arquitectura do Porto, así como o seu legado e repercusión actual.

Outras publicacións do proxecto