Participamos no evento Think Up Culture! cunha achega sobre financiamento de proxectos culturais transformadores

O noso compañeiro Sergio Lago vén de participar en Mallorca na quinta edición do evento itinerante Think Up Culture!, que tamén percorreu outras illas mediterráneas, Barcelona e a cidade turca de Izmir. A cita, promovida por Power House Hub, tiña como obxectivo inspirar, mediante a posta en común, o diálogo e o debate, ás persoas emprendedoras do ámbito cultural e creativo.

Think Up Culture! é un foro de coñecemento común sobre o financiamento das industrias culturais e creativas que quere mentorizar e impulsar proxectos, sendo ao mesmo tempo unha plataforma de oportunidades, conversas e ideas. Nela déronse cita nesta ocasión referentes do sector, como a experta en redes de innovación Daria Tataj ou o economista e xestor cultural Roberto Gómez de la Iglesia, responsable xunto a Miren Martín da plataforma Conexiones Improbables.

Bencuriosa participou da man de Sergio Lago, que desenvolveu xunto a Berta Mariño, xestora cultural e de proxectos, un diálogo aberto sobre financiamento de propostas transformadoras baseadas na cultura, a creatividade e a innovación.

Subir