Cultura Dixital

O impacto da tecnoloxía nas nosas vidas no ciclo Distopías Cotiás

28/01/2020

A  biblioteca do centro Ágora da Coruña acolle dende este mes de xaneiro o ciclo Distopías Cotiás: un espazo de reflexión e diálogo sobre tecnoloxías e prácticas que hai pouco tempo semellaban ciencia-ficción e que hoxe forman parte na nosa realidade cotiá. Pretendemos abordar temáticas con gran impacto na nosa sociedade como: ética no desenvolvemento tecnolóxico, soberanía dixital da cidadanía, capitalismo de vixiancia, rexistros biométricos ou prácticas de manipulación masiva, entre outros.

A iniciativa, que se traduce nun encontro mensual, nace no seo do programa municipal Coruña Dixital, que coordina o noso compañeiro Sergio Lago e conta co apoio da Rede Municipal de Bibliotecas da cidade. 

As sesións, que contan cunha imaxe gráfica deseñada polo artista Leo Sousa, teñen como obxectivo a posta en común de opinións, ideas e reflexións das asistentes. Unha dinámica facilitada por unha breve charla previa da man dunha persoa (profesional, activista, investigadora,…) relacionada coa temática escollida. A sesión inaugural do ciclo (da que tedes máis información aquí) tratou de ética, privacidade e tecnoloxía e contou coa participación de Pablo Castro (Trackula), desenvolvedor frontend e co-fundador de Arengu, ademais de activista destacado pola liberdade en Internet e o software libre. Compartimos íntegra a súa charla inicial:

 

 

Na súa cita de febreiro, Distopías Cotiás centrarase nas cuestións legais relacionadas coa privacidade e a tecnoloxía, da man da avogada especializada neste ámbito María Cerviño (NoLegalTech).

Tedes toda a información sobre Distopías Cotiás na web de Coruña Dixital, á que podedes acceder desde aquí. Na súa canle de YouTube poderedes ver todas as charlas que se desenvolvan no ciclo.

Outras publicacións do proxecto