programacións

Novisimas miradas na arquitectura galega

20/02/2016

A recente crise do sector inmobiliario asestou un duro golpe ao oficio de arquitecto, obrigando a repensar os seus enfoques e prioridades. O anterior modelo, escorado cara o espectáculo, cedeu paso a intervencións máis mesuradas, eficientes, sustentables e ancoradas no contexto social. Esa reformulación coincide en Galicia co agromar dunha extraordinaria xeración de profesionais que están a obter recoñecemento fóra das nosas fronteiras. Nesta sesión trazamos unha panorámica sobre esas novas miradas, sobre as autoras e autores que están a despuntar e sobre as correntes que se albiscan no futuro inmediato.

Programa

12:00 | Relatorio: Guadalupe Piñera Manso. Profesora de proxectos na ETSA da Universidade da Coruña. Foi codirectora da revista Obradoiro do Colexio de Arquitectos de Galicia. O seu estudio “Irisarri Piñera” é un dos máis sinalados do país, recibindo os premios COAG (2004), Juana de Vega (2004), Julio Galán Carvajal (2001) e Gómez Román, ademais de participar en exposicións do MOMA de Nova Iorque, da Bienal de Venecia ou da Embaixada de España en Washington.

12:30 | Relatorio: Elizabeth Abalo. Arquitecta pola Universidade de Navarra e Máster en Rehabilitación. O seu estudio “abalo alonso” foi merecedor de numerosos recoñecementos. Entre os máis recentes: premio A-Prize da Trienale de Milán (2015), premio internacional Veteco_Asefare (2014), premios A+ ao mellor edificio educativo (2013) e sanitario (2011) de España, e mención especial nos Awards for Emerging Architecture (2013). A súa obra aparece citada en múltiples guías e publicacións internacionais.

13:15 | Espectáculo Poético – Musical: “O lugar que non hai”. O pianista Pablo Seoane e o poeta Estevo Creus ofrécennos unha sesión de improvisación na que texto e música indagan sobre a significación do espazo a partir da ausencia, do que non hai. “E se todo é posible, por que falta?”. Espectáculo creado para o ciclo Nexos.

Outras publicacións do proxecto