programacións

Sesións de outono no ciclo de cultura contemporánea Nexos

09/10/2015

Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para descifrar as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do saber, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa neste outono á Cidade da Cultura de Galicia da man de Marcos Lorenzo, propoñendo desta vez unha aproximación á literatura portuguesa do último século e unha mirada crítica da revolución dixital e dos seus efectos sociais, económicos e políticos. Como é habitual, combinaremos relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido.

En outubro achegarémonos a tres dos principais fitos da literatura portuguesa do último século: o nacemento da revista Orpheu, da que se cumpre agora o centenario, a poesía excepcional de Herberto Helder, recentemente falecido, e a narrativa de Lídia Jorge, con presenza da propia autora para falarnos da súa obra e das súas lecturas. A sesión concluirá coa proxección dunha curtametraxe, inédita en Galicia, sobre a figura de Herberto Helder.

Xa en decembro, o ensaísta arxentino Carlos A. Scolari desvelaranos algunhas das claves da chamada Revolución Dixital e dos seus controvertidos efectos na vida cotiá, na esfera social, no modelo económico e na organización política. A actuación artística correrá por conta de Voltage Opposites, unha proposta onde a danza contemporánea converxe coa videocreación.

Dúas sesións a celebrar na Biblioteca de Galicia, que rematarán cun convite a un viño e un petisco. Porque diso se trata, de ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados.

 

Outras publicacións do proxecto