programacións

Nexos despídese tras seis edicións na Cidade da Cultura

04/02/2019

Para moitas persoas, xaneiro non era só o primeiro mes do ano, senón tamén o do arranque de Nexos. O ciclo adicado ao pensamento e á cultura contemporánea, coordinado polo noso compañeiro Marcos Lorenzo, adoitaba iniciar por estas datas cada unha das súas edicións na Cidade da Cultura. Lamentablemente o proxecto non terá continuidade, pero queremos lembrar agora con gratitude todos os bos momentos que puidemos desfrutar.

Nexos naceu no ano 2013, como evolución do Galicia, Ceo das Letras, o programa literario co que a Cidade da Cultura inaugurou en 2011 a súa programación. Nexos tomou a literatura como punto de partida desde o que establecer un diálogo con outras áreas de coñecemento (ciencia, artes, sociedade, pensamento). Ademais, impulsou numerosas producións culturais propias e procurou un espazo paralelo -que non alleo- para as crianzas, xerando unha programación ecléctica, cunha cita mensual  -“o aperitivo cultural para as mañás dos sábados”- ao longo de varios meses cada ano.

Por Nexos pasaron, nas súas seis edicións, interesantes propostas artísticas e persoas referentes nas súas disciplinas que podedes lembrar na nosa web, así como no blog de Marcos Lorenzo, ao que podes acceder desde aquí. O escritor Eduardo Mendoza, o poeta e editor Pere Gimferrer, a crítica de arte Estrella de Diego, os arquitectos Xerardo Estévez e Manuel Gallego Jorreto, a escritora estadounidense Donna Leon, o politólogo Ignacio Sánchez-Cuenca, o físico e aforista Jorge Wagensberg, a arabista Gema Martín Muñoz, a filosofa e ensaísta Carolina del Olmo… son moitos os nomes que nos visitaron e compartiron connosco o seu saber.

Nexos recibiu no 2018 a distinción do Banco de Boas Prácticas Culturais da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. A súa última sesión -agora xa podemos dicir que a derradeira- foi, sen pretendelo, unha despedida de luxo: o testemuño e a voz de Teresa Salgueiro, ex-vocalista de Madredeus, nunha xornada dedicada á renovación da música portuguesa, que lembramos desde aquí.

Outras publicacións do proxecto