Nace #ONosoConta

O pasado 9 de abril, acollidos polo espazo de coworking DoutroXeito en Santiago de Compostela, celebramos a primeira xuntanza de #ONosoConta, un grupo de análise, intercambio e cooperación no campo do turismo cultural en Galicia. Partimos dunha premisa compartida: no país dispomos dun rico e denso patrimonio cultural pero fáltannos bos relatos que o dean a coñecer e o mostren dun xeito atractivo.

A xuntanza, á que asistimos unhas vinte persoas, estivo dividida en dúas partes. Durante a primeira fixemos unha rolda de presentacións para fomentar o coñecemento mutuo dos/das presentes. Na segunda constituímos pequenos equipos para identificar que elementos están a influír (positiva e negativamente) na elaboración de relato turístico. Finalmente houbo unha posta en común do traballo dos equipos.

A iniciativa está impulsada por Marcos Lorenzo e Sergio Lago (BenCuriosaCurso de Experto de Xestión Cultural da USC), en colaboración con Gonzalo Rodríguez (USC) e Manuel Gago (Consello da Cultura Galega, USC). O grupo, que conta cun blog informativo, está aberto á participación de profesionais do sector público, privado ou asociativo dos campos do turismo, a cultura, o patrimonio, a educación, o desenvolvemento ou a comunicación, e en xeral de calquera persoa interesada na temática.

Unha síntese das ideas que foron xurdindo aparecen recollidas neste cadro DAFO:

DAFO_9A

Tamén durante o diálogo aberto compartíronse ideas interesantes. Así, indicouse que en Galicia só temos unha narrativa con proxección universal: a de Santiago de Compostela. Ese debera ser o punto de partida para futuros novos relatos. Na cidade entran milleiros de visitantes ao mes, pero non contamos con investigacións que definan os perfís deses visitantes, e que por tanto nos axuden a deseñar paquetes turísticos axustados ás súas necesidades e preferencias. Un bo observatorio para coñecer aos turistas estranxeiros é a web www.caminodesantiago.me, que actúa como rede social do Camiño en inglés. Segundo a experiencia dos profesionais, os turistas estranxeiros chegan a Compostela e con frecuencia dispoñen de tempo de lecer pero “non saben que facer”. Unha carencia reiterada sería a da oferta de turismo familiar.

En canto á materia prima para elaborar novos relatos, vari*s compañeir*s fixeron énfase nas crónicas históricas, guías e mesmo enciclopedias xa existentes (fundamentalmente arredor do Camiño e da cidade de Santiago), mentres que outr*s explicaron o potencial das pequenas historias locais e comunitarias, sexan historias de vida ou baixo outros formatos (barriografías). Vari*s intervintes consideraron que os novos relatos deberan atender a públicos parciais, máis que tentar erguer un gran relato conxunto de Galicia. As NTIC permitirían camiñar case cara unha personalización das narracións, o que abriría un mundo de oportunidades. Pero tamén poden supor unha ameaza para modelos empresariais e profesionais preexistentes, como no caso dalgunhas plataformas dixitais colaborativas.

Outra liña de crítica tivo que ver coa inaccesibilidade de moitos recursos patrimoniais ao seren de propiedade privada, nomeadamente eclesiásticos. O coidado do contexto (que sostén o relato) tamén é decisivo.

Subir