Mediación Dixital para un tempo novo

Esta entrada puido titularse “Mediación Dixital nos tempos do COVID-19“, porque diso vai tratar a iniciativa: de como desde pequenas entidades socio-culturais de proximidade, áreas municipais, bibliotecas, pequenos museos, aulas de natureza, asociacións, colectivos, etc. podemos seguir traballando nestes días coas nosas comunidades máis próximas.

Pero máis aló do inmediato, do que poidamos facer durante esta situación excepcional de confinamento, non podemos obviar que todo o que virá, sexa como sexa a dimensión final da crise, é xa un tempo novo.

Un tempo no que non poderán obviarse as distintas fendas dixitais que nestes días están a resultar tan manifestas. E un tempo tamén no que a volta á (nova) normalidade será gradual. Coa incerteza de cando se poderá desenvolver o habitual traballo socio-cultural de proximidade, que non é outro que xerar espazos onde a xente pode reunirse para gozar, aprender, inspirarse, experimentar ou en definitiva, facer cultura, facer sociedade en común.

Agora, que os espazos sociais non poderán ser físicos durante un tempo indeterminado, é onde a mediación dixital ofrece ferramentas e prácticas útiles para seguir co traballo comunitario.

Desde fai un tempo, parte do equipo de BenCuriosa vimos investigando neste eido e compartindo xa coñecemento en iniciativas diversas. Polo que a intención non deixa de ser continuar con esta exploración, pero agora a través dun banco de recursos en aberto, que se pode atopar en: mediaciondixital.bencuriosa.gal

 

Que podes atopar no banco?

Compartiremos recursos e ferramentas que nos parezan inspiradoras e sobre todo replicables. Aínda que tamén resulta de interese poder crear contidos complementarios á oferta da industria cultural, por outra parte inxente na nosa opinión, non nos pararemos tanto nas iniciativas para “non aburrirse”, senón especialmente naquelas accións comunitarias que permitan conectarnos, mitigar a soidade non desexada e compartir coidados. Tendo ademais presentes as fendas dixitais a combater, que nestes días fanse aínda máis evidentes.

 

Por que o facemos?

Como tantas outras empresas, en BenCuriosa nos últimos días vímonos obrigados á suspensión de todas as nosas actividades. Esta iniciativa trátase, polo tanto, dunha proposta persoal de parte das persoas socias e que intentaremos conciliar co coidado das nosas familias. Agardamos que poida ser de utilidade e agradecemos todas as ideas e suxestións de mellora que nos enviedes a través do noso contacto.

 

E despois desta situación excepcional, que sentido terá esta iniciativa?

Por suposto, cando a (nova) normalidade vaia chegando, de xeito gradual, case todas e todos desexaremos deixar durante un tempo as videochamadas e outras actividades virtuais. Pero tamén, probablemente, teremos descuberto polo camiño vantaxes e novos usos para moitas destas ferramentas e prácticas.

Como dicíamos, nestes días fanse aínda máis evidentes as fendas dixitais a combater na nosa sociedade, non só por cuestións xeneracionais, senón tamén por causas socioeconómicas. A inclusión dixital é un dos retos que temos por diante.

E finalmente, cremos que estas mesmas ideas que compartimos serán de utilidade para traballar en moitos outros contextos que seguirán a estar aí, como por exemplo contra a soidade non desexada, con colectivos en confinamento (poboación reclusa ou ingresos hospitalarios de longa duración, por exemplo) ou con persoas con problemas de mobilidade: por discapacidade, por separación xeográfica entre as persoas destinatarias ou por carencia de medios de transporte, como nos territorios rurais con núcleos de poboación diseminados.

 

Onde podo seguir as novidades que se vaian subindo?

Se non queres estar pendente da actualización da web, compartiremos as novas publicacións:

  • A través da canle de Telegram, só para este fin: Mediación Dixital.
  • Nas nosas redes sociais, co cancelo #mediaciondixital en Twitter e Facebook.
  • Tamén podes unirte ao noso boletín de correo, onde compartimos os recursos e información a modo de resumo das nosas distintas iniciativas. Enviamos tan só 3 ou 6 anuais e podes subscribirte aquí.

 

Como se pode colaborar ou recibir axuda?

Como todo nestas semanas, trátase dun proxecto exploratorio nun escenario difícil para todas. A idea é que poidamos ir recollendo diariamente novas propostas de xeito colaborativo, polo que se queres participar:

  • E tes unha idea para unha acción dixital pero non sabes moi ben como poder executala,
  • Coñeces unha ferramenta ou experiencia inspiradora que poderíamos incluír neste banco de recursos,
  • Ou ben tes algunha suxestión de mellora ou detectas algunha errata na información.

Agradecemos que nos escribas a través do noso contacto. Non compartiremos ningunha idea sen consentimento previo, claro, pero as dúbidas técnicas anónimas permitirannos construír tamén novas fichas no banco de recursos, que poidan ser de utilidade para outras persoas.

E se podemos axudar nas túas ideas, dentro das nosas posibilidades actuais, estupendo! Por suposto, mentres dure este estado de alarma, calquera colaboración pola nosa parte será de xeito desinteresado. Moito ánimo a tod*s!

 

Visita o banco de recursos en:
mediaciondixital.bencuriosa.gal

Queres compartir este contido?
Subir