programacións

O aforismo e a beleza da síntese

04/03/2017

O 4 de marzo tivemos nova sesión de Nexos, comisariada e presentada polo noso compañeiro Marcos Lorenzo: desde tempos inmemoriais o pensamento dos pobos transitou en pequenos enunciados que sintetizaban os saberes e as crenzas constitutivas da comunidade. Proverbios, refráns, máximas ou sentencias foron ferramentas ao servizo da transmisión do coñecemento. O aforismo, do grego “definir”, é aquela variante que concilia poesía e reflexión filosófica, fondura con precisión e beleza. Intelectuais de diferentes épocas, culturas e xeografías empregárono como vehículo de expresión: de Heráclito a Nietzsche ou Ciorán, de Confucio a Pessoa ou Sánchez Ferlosio. Agora, coa revolución tecnolóxica e a limitación dos 140 caracteres, estas pílulas de sabedoría están a experimentar un vigoroso renacemento.

O Relatorio foi de Jorge Wagensberg. Profesor de Física da Universidade de Barcelona e profesor invitado da Danube University Krems (Austria). Creou e dirixiu o Museo da Ciencia da Fundación La Caixa, máis adiante renomeado CosmoCaixa. Foi presidente de ECSITE (European Collaborative for Science and Technology). Autor dunha vintena de libros e editor da colección Metatemas, da editorial Busquets. Recibiu o Premio Nacional de Cataluña ao Pensamento e Cultura Científica en 2005 e a Creu de Sant Jordi en 2007. Colaborador habitual dos diarios El País e El Periódico. Un dos seus últimos libros é Más árboles que ramas: 1116 aforismos para navegar por la realidad (2012, Tusquets).

No Concerto posterior, Carmen Gurriarán (soprano) e Pablo Seoane (piano) presentaron Non me pertenzo, dez pequenas cancións, dez miniaturas musicais de autores como Anton Webern ou Francis Poulenc, entre outros. Espectáculo creado para o ciclo Nexos.

O albume de fotos da sesión está dispoñible neste enlace.

Outras publicacións do proxecto