Debate en torno á Lei do Libro no Consello da Cultura Galega

15/04/2018

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro e a Lectura e, con ese motivo, a sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega organizou unha xornada de avaliación do desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, unha normativa elaborada de xeito participativo e aprobada no Parlamento en 2006.

A xornada, coordinada por Manuel Bragado e Dolores Vilavedra, tivo lugar o xoves 19 de abril, no CCG. Pola mañá falouse, precisamente, do proceso de elaboración da Lei e dos seus contidos, así como dos últimos datos da edición en Galicia. Pola tarde tivo lugar unha mesa redonda, moderada polo noso compañeiro Marcos Lorenzo, sobre a vixencia da normativa e as súas perspectivas de reforma, coa intervención de representantes de entidades profesionais do mundo do libro.