Ciclo de obradoiros dixitais en Carral

Seguimos a explorar formatos de divulgación da cultura dixital, neste caso na vila de Carral. En conmemoración do Día das Letras Galegas 2019, adicado ao escritor e etnógrafo Antón Fraguas, que dá nome ao centro de formación do concello, realizamos varios obradoiros de dixitalización arredor do “Pan Comido”: un xogo de mesa para a difusión da literatura de tradición oral elaborado no instituto local.

Foi unha iniciativa impulsada polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas do IES de Carral, xunto ao Departamento de Tecnoloxía e ás áreas de Xuventude e Cultura do Concello de Carral. Estivo deseñada e coordinada polo equipo profesional de BenCuriosa, coa colaboración de Árticos.

O resultado final do proxecto inclúe:

  • dixitalización do xogo, creando un repositorio web coas instrucións para poder auto-producilo, replicalo, adaptalo ou melloralo. Foi elaborado polo alumnado de 2º da ESO durante tres sesións, onde aprenderon nocións de documentación e publicación dixital.
  • Uns obradoiros de impresión 3D nos que se deseñaron fichas para o xogo, mentres aprenderon a empregar esta tecnoloxía.
  • Uns obradoiros para facer apps para móbil, nos que experimentaron coa posibilidade de crear unha aplicación coas preguntas do xogo.

Transversalmente, o alumnado puido achegarse aos valores e regras básicas que acompañan ás novas prácticas da cultura dixital: colaboración entre iguais (P2P), conciencia de rede, recoñecemento da autoría e do traballo achegado, un proceso continuado de mellora colectiva, transparencia e coñecemento aberto.

Traballamos tamén outros aspectos como a edición dixital (textos, imaxes), o funcionamento web, as lóxicas maker do “faino ti mesmo” ou a economía circular (visibilizando o aproveitamento que se fixo de elementos como caixas de empanadas, taboleiros antigos, etc.).

Se vos apetece saber máis, podedes atopar toda a información na web realizada polo alumnado participante.

Queres compartir este contido?
Subir