Cultura Dixital

Celébrase o primeiro encontro “Abrir os Arquivos”

20/02/2016

Cada día xéranse milleiros de contidos dixitais arredor das prácticas culturais, ben sexan produtos finais (obras audiovisuais, sonoras e gráficas, páxinas web, publicacións editoriais, etc.) ou ben documentos de traballo intermedios (memorias de proxectos, entrevistas, sesións fotográficas, soportes publicitarios e cartaces, entre moitos outros).

Cada ano moitos destes contidos desaparecen ou deixan de estar accesibles porque non se renova un aloxamento web, a tecnoloxía queda obsoleta (webs en flash, por exemplo), muda o soporte técnico dunha institución ou porque a conservación limítase só a copias persoais en dispositivos físicos como discos duros, memorias flash, CDs ou DVDs, os cales están xa comezando a deteriorarse e perderse, moito máis rápido incluso que outros soportes analóxicos como VHS ou casetes, por poñer algún exemplo.

.

Abrir os Arquivos nace como un grupo informal de traballo arredor da preocupación pola preservación, accesibilidade e utilización de contidos dixitais culturais, pensando especialmente nos arquivos visuais, sonoros e audiovisuais.

A iniciativa está impulsada inicialmente por María Yáñez (A Navalla Suiza, Embed) e Sergio Lago (BenCuriosa, Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC), buscando un formato de participación aberta a todas aquelas persoas interesadas na temática e que traballen con arquivos, creación (gráfica, sonora ou audiovisual), comunicación dixital ou xestión de proxectos culturais sobre memoria e patrimonio inmaterial.

Celebramos o primeiro encontro na mañá do sábado 20 de febreiro, acollidos polo espazo de coworking DoutroXeito, en Santiago de Compostela. O obxectivo foi esencialmente coñecer as distintas liñas de traballo que estamos a desenvolver cada asistente, así como facer un achegamento inicial ás problemáticas comúns e ás primeiras iniciativas que puideran desenvolverse no futuro. Acordouse, así mesmo, compartir en aberto as principais ideas que se reuniron, xa nunha vindeira publicación a través do blog do grupo.

Asistiron persoas de moi diversas disciplinas, o que nos permitiu tamén achegarnos a unha ampla panorámica de iniciativas e proxectos galegos que están a traballar arredor dos arquivos culturais dixitais:

Nome Entidade na que traballa ou participa
Web
Xoán Manuel Pérez Lijó BAMAD (Asociación Galega de Profesionais de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Documentación) bamad.gal
Daniel Buján Biblioteca de Galicia bibliotecadegalicia.xunta.es
José Mª Cumbraos Sección de fondos audiovisuais – Arquivo da Deputación de Pontevedra arquivos.depo.es
Ángel Rueda (S8) Mostra de Cinema Periférico / Arquivos Super8 s8cinema.com
Gabriel Quiroga Barrios Arquivo do Reino de Galicia arquivosdegalicia.xunta.gal > arquivo-do-reino-de-galicia
Beli Martínez Proxecto Socheo proxectosocheo.wordpress.com
Adriana Pérez Villanueva Illa Bufarda illabufarda.com
María Lobo Gingko gingko.gal
Ana Domínguez (S8) Mostra de Cinema Periférico s8cinema.com
Marcos Nine Director, produtor e guionista elviajedeleslie.com
Julio Gómez Sinsal / Escoitar escoitar.org
Xesús Ron Redenasa redenasa.tv
Manolo González Fálame de San Sadurniño falamedesansadurnino.org
Berta Galo Xestión de contidos en cultura.gal cultura.gal
Moisés Álvarez Xestión de contidos en Balidea / Asociación Cultural Senunpeso – Laboratorio Audiovisual de Vedra senunpeso.org
Pilar Rodríguez LuarTUBE luartube.crtvg.es
Roi Guitián Gingko gingko.gal
María Yáñez A Navalla Suiza | Embed.at mariayanez.eu
Sergio Lago Ben Curiosa bencuriosa.gal