publicacións

Canto pesa a cultura?

28/09/2016

O compañeiro Marcos Lorenzo achega a súa resposta a esta pregunta no número de setembro 2016 da revista Luzes: “Pois arredor dun 2%. Iso representaba en 2011 a facturación do sector cultural no conxunto da economía galega. Alguén pode pensar que non é para tirar foguetes… pero tampouco nos achiquemos. De feito, segundo un informe do Consello da Cultura e a Zona Franca de Vigo, ese 2% era en 2007 superior ao peso no PIB de sectores tan emblemáticos como a pesca, a industria téxtil ou a química.

Analizando datos actuais, observamos que a cidadanía galega destina a bens e servizos culturais tamén un 2% da súa renda dispoñible. Co cal a regra de tres (ou do dous) semella limpa e elegante. Porén, se falamos do emprego xerado polo sector cultural, a porcentaxe xa ascende a un 2’8%. E pola contra, se atendemos ao gasto liquidado en cultura pola Xunta de Galicia terémonos que conformar cun pírrico 1’2%. Repitámolo: xeramos un 2’8% do emprego da Comunidade e recibimos da Xunta un 1’2% do seu orzamento. Está demasiado subvencionada a cultura? Pódese dubidar.

Por suposto ese 2% non resume o papel que a cultura ten nas nosas vidas. Por citar un exemplo, un 60% dos galegos escoita música a diario. Porque unha cousa é o uso e o goce da cultura e a súa relevancia social, e outra a súa tradución económica. O conto é que este artigo trata xustamente das cifras do sector cultural galego, con especial atención aos indicadores económicos, e a iso nos imos aplicar.”

Podes seguir lendo o artigo completo aquí.