Cultura Dixital

Axudamos a tecer rede entre creador*s en Youtubeir@s en Conexión

08/06/2019

Dentro do eido da cultura dixital en Galicia, unha das iniciativas que máis está a facer pola creación audiovisual en galego é o Proxecto Youtubeir@s. Impulsado desde os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, ademais da Deputación da Coruña e as tres universidades galegas, ten dúas liñas de actuación principais. Por unha banda están os seus premios (o prazo de inscrición remata o 27 de setembro) e, por outra, varias propostas encamiñadas á visibilización d@s creador@s e a desenvolver encontros formativos e divulgativos.

Unha destas propostas foi  Youtubeir@s en Conexión, unha xornada deseñada e coordinada conxuntamente polo noso compañeiro Sergio Lago xunto a Diego Parajó. O obxectivo principal foi conectar a diferentes creador*s e que puideran aprender compartindo reflexións e experiencias, ademais do traballo que estaban a desenvolver nas súas diferentes canles.

Así, a través de varias dinámicas e mesas de traballo fíxose unha panorámica colaborativa da situación actual, dos principais retos e tamén das tendencias que marcarán a plataforma no futuro inmediato. Os eixos centrais da conversa foron a monetización, os datos e métricas e finalmente, as principais temáticas e novos formatos. Tamén, puxéronse en común ideas para fortalecer a comunidade youtubeira a curto e medio prazo, como podedes ver neste vídeo:

Se vos apetece saber máis, compartimos aquí tamén o resumo da xornada, ademais desta galería de fotos na que podedes ver como se desenvolveu a actividade.