Cultura Dixital

As narrativas dixitais e transmedia, protagonistas do #LAIC de Coruña Dixital

20/11/2019

O vindeiro 17 de decembro abrirá as súas portas no Centro Ágora da Coruña a nova tempada do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) de Coruña Dixital, cunha sesión adicada ás posibilidades das narrativas transmedia no sector audiovisual. Esta primeira charla complementarse cunha segunda xornada cun enfoque máis práctico, o día 18, orientada a como encaixar as pezas dun proxecto transmedia. Ambas sesións, da man de Roger Casas-Alatiste, fundador da produtora dixital El Cañonazo, responsable de universos transmedia de series como La Zona e, a máis recente, La Peste.

Estas xornadas, como todas as do #LAIC, son gratuítas, pero teñen prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse. As persoas interesadas poden facelo a través dun formulario habilitado na web de Coruña Dixital, ao que tamén podedes acceder desde aquí.

O resto da programación, que se desenvolverá no primeiro cuatrimestre do 2020, darase a coñecer polo miúdo na sesión do día 17 e, paulatinamente, nas canles de comunicación de Coruña Dixital, pero xa sabemos que serán propostas relacionadas coas narrativas dixitais, inmersivas e transmedia.

 

Inspirarse e experimentar coa cultura dixital

Unha das propostas de referencia de Coruña Dixital é o LAIC, pero o programa municipal, que está en marcha desde comezos do outono, ten máis liñas de traballo: mantén o seu compromiso coa comunidade técnica local, dando visibilidade ás súas iniciativas e mesmo colaborando nalgunhas delas, e coa educación dixital da cidadanía, difundindo propostas relacionadas coa iniciación e uso seguro da tecnoloxía.

Ademais, as liñas de traballo do programa estenderanse nos vindeiros meses a outros ámbitos, como son a reflexión crítica sobre o impacto da tecnoloxía e ás posibilidades da creación dixital a nivel educativo e sociocultural.

Relacionado con esta segunda liña de traballo, Coruña Dixital organizará un encontro galego de iniciativas que responden a este perfil e que se celebrará a finais de abril no centro Ágora. Se tedes interese nesta temática, na web de Coruña Dixital é posible acceder a un Kit de Activación Dixital, dirixido fundamentalmente a profesionais e activistas da educación, o social, a cultura, … no que é posible acceder a unha guía metodolóxica para desenvolver proxectos e coñecer propostas e experiencias xa realizadas.

No que respecta ao #LAIC, toda a información está na súa páxina web, á que podedes acceder desde aquí.