programacións

A segunda edición do Banquete de Conxo aposta por incrementar a participación da veciñanza

11/04/2019

Tralo éxito que tivo entre a veciñanza do barrio, e en termos de asistencia, a primeira edición da festa do Banquete de Conxo, o Concello de Santiago prepara xa a segunda, coa vontade de acadar un maior impacto social e avanzar na sustentabilidade do evento.

O noso compañeiro Marcos Lorenzo participa de novo no deseño da festa e na súa dimensión participativa. Neste sentido, e como aportación con respecto á pasada edición, destaca a ampliación da base social da Festa do Banquete, integrando nela ao tecido asociativo e cultural dos barrios do Castiñeiriño, Pontepedriña, Santa Marta e A Rocha, que entre os anos 1833 e 1925 formaron parte do antigo concello de Conxo.

A que xa está considerada como “a gran romería de Compostela” celebrarase os días 3, 4 e 5 de maio, pero en abril, nos centros socioculturais destes barrios composteláns, desenvolveranse varias sesións informativas para a veciñanza. Ademais, celebraranse obradoiros de confección de vestimenta de época e un roteiro histórico-teatral no que é posible participar.

De todas estas propostas previas tedes completa información na web do Concello, á que podedes acceder desde aquí.

Tamén compartimos con vós esta reportaxe na edición compostelá de La Voz sobre o impacto positivo que tivo no barrio de Conxo a celebración da primeira edición da festa do Banquete, pero tamén a recuperación previa da carballeira na que se desenvolve parte do evento e na que tivo lugar o banquete orixinal.