A revolución dixital e a nova humanidade

Logo da revolución agraria e da revolución industrial, entramos no tempo da revolución dixital. A medranza exponencial nas últimas décadas no uso de toda clase de dispositivos móbiles, e sobre todo a creación en 1989 da World Wide Web, inaugurou unha nova era, a era da información. Ao longo desta sesión coñeceremos como un mundo mediado por pantallas está a afectar á nosa percepción da realidade, mudando os nosos procesos cognitivos e alterando radicalmente as relacións sociais, económicas e políticas. Non faltan expertos que advirtan dos seus efectos nocivos, sexa na esfera educativa ou na privacidade. Nin quen lle atribúa un papel benéfico na participación democrática ou na produtividade do traballo. Sexa como for, o cambio acontece a tal velocidade que apenas temos perspectiva nin marxe para procesalo.

12:00 | Relatorio: Carlos A. Scolari. Investigador e ensaísta arxentino. Doutor en Lingüística Aplicada e Linguaxes da Comunicación pola Universidade Católica de Milán e  profesor titular da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Foi profesor visitante nas Universidades de Toronto e Nova Iorque, así como conferenciante en múltiples países de Europa e América. Experto en medios dixitais, ecoloxía da comunicación e narrativas transmedia, publicou varios libros de referencia, como Hacer clic (2004), Hipermediaciones (2008) ou Ecología de los medios (2015), entre outros. En 2004 recibiu o Premio Eusebi Colomer de Ensaio.

13:00 | Vídeo – Danza: La misma piel. Proxecto do colectivo Voltage Opposites, formado pola artista visual Adriana Pazos, a bailarina Paula Quintas e o musicólogo Xoán-Xil. A obra emprega “o corpo físico e o corpo dixital” como soportes para analizar a problemática da “muller malabarista da súa realidade”, a quen se lle esixe unha perfección que a aboca á perda de si.

Queres compartir este contido?
Subir