programacións

A literatura portuguesa despois da revista Orpheu

17/10/2015

A revista Orpheu, fundada hai agora cen anos, foi “o primeiro grito moderno que se deu en Portugal”, en palabras de Almada Negreiros. Dese grito inaugural derivaron ecos virtuosos nos terreos da poesía e da narrativa. Un dos seus froitos máis celebrados foi a obra do poeta Herberto Helder, falecido infelizmente no vixente 2015. Outros dos seus fitos culminantes son as novelas da escritora Lídia Jorge. Co gallo do centenario da Orpheu, o ciclo Nexos e o Instituto Camões propoñemos unha viaxe ao último século da literatura portuguesa, con parada en dous nomes aplaudidos pola crítica e por varias xeracións de lectores.

12:00 | Relatorios: Antonio Cardiello, doutor en filosofía, investigador, editor e consultor da Casa Fernando Pessoa, mostraranos o nacemento e acollida da revista Orpheu; Rosa Maria Martelo, profesora da Facultade de Letras da Universidade do Porto, investigadora, ensaísta e poeta, achegaranos ao universo creativo e vital de Herberto Helder; Lídia Jorge, un dos nomes máis relevantes da prosa portuguesa (condecorada en Portugal coa Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique e en Francia como Dama das Artes e das Letras) falará da súa escrita e das súas lecturas; finalmente Carlos Quiroga, profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Santiago de Compostela lerá, nos intersticios, textos da revista Orpheu, de Herberto Helder e de Lídia Jorge.

13:30 | Proxección da curtametraxe: As deambulações do mensageiro alado (12’). Rareza audiovisual realizada en 1969 por Edgar Gonsalves Preto.Un anxo deambula por Lisboa cando encontra nun café a Herberto Helder con A colher na boca, iniciando así unha parodiado poeta e dos seus títulos de máis sona.

Outras publicacións do proxecto